Benvid@s

Benvid@s a Kansendono, o blog do bibliotecario irreverente
Pouco recomendado para curas, banqueiros e demais especuladores

miércoles, 17 de abril de 2013

Resumo da intervención celebrada en Aldea Nova (Ames) o 14 de abril de 2013 con motivo do aniversario da II República

(...) A segunda consideración que quería manifestar é a aseveración de que, 82 anos despois da proclamación tal día como hoxe da II República, podemos afirmar sen risco a equivocarnos que aquel réxime xurdido en abril de 1931 representa o primeiro réxime xenuína e autenticamente democrático de toda a historia do Estado español. Isto debería quedar absolutamente claro, sen matices, malia que resulta obvio que a II República tivo as súas luces e as súas sombras, os seus acertos e os seus erros. Por iso faise tamén necesario fuxir de calquera interpretación maniquea aínda que, é ben certo, o réxime republicano foi atacado dende o mesmo día da súa instauración.
Mais, para entender que significou a II República semella necesario visualizar, moi brevemente, o contexto histórico no que nos imos mover, é dicir, os primeiros 30 anos do século XX na historia de España. Son tres décadas cheas de transformacións sociais, económicas, políticas e culturais, moi en consonancia co que estaba ocorrendo no continente europeo. Tres décadas, en definitiva, ateigadas de vitalidade e cambios profundos que afectarán a todo o conxunto social.
A principios do século XX, o Estado español vén de sufrir o chamado Desastre do 98 (coa perda das súas últimas tres colonias: Porto Rico, Cuba e Filipinas) e, ao mesmo tempo, as elites intelectuais comezan a falar da necesidade dunha “rexeneración” na vida pública do país a todos os niveis. É xustamente esa rexeneración a que abrirá as portas do camiño cara unha democratización socio-política que só chegará en abril de 1931.
En 1902, Alfonso XIII acada a súa maioría de idade, xura unha constitución que leva funcionando 25 anos e accede ao trono de España converténdose así no xefe do Estado español. Unha xefatura sostida polo chamado sistema “turnista” da Restauración borbónica, é dicir, pola alternancia no poder executivo de dous partidos de notables (non son partidos políticos), o liberal e o conservador, que a súa vez están sustentados por unha moi tupida rede caciquil e de clientelas, que funcionan en base a favores persoais baixo un manto protector ou de padroado.
España entre 1900 e 1930 é un estado que vive inmerso nunha profunda crise e nun profundo cambio, onde alternan liortas entre o atraso secular e a nova modernización que experimenta o país, malia as reticencias das clases dominantes. Os cambios se traducen en que, por exemplo, a emigración transoceánica masiva da segunda metade do século XIX agora é substituída por outra emigración, interior, que parte do mundo rural cara ao urbano, do campo á cidade.
Isto provocará que, naqueles trinta primeiros anos do novo século, as principais cidades dupliquen a súa poboación; que o sector económico primario (agro-gandeiro) perda peso fronte aos sectores secundario (industrial) e terciario (servizos), co xurdimento dun novo taboleiro social onde aparecen novas clases sociais como o proletariado industrial urbano e unha incipiente pequena burguesía; ademais, a esperanza de vida pasa, entre 1900 e 1930, dos 35 aos 50 anos de idade; se reduce a taxa de analfabetismo do 60 ao 40%; e, por último, se dobra a renda ou riqueza nacional do país. Todo isto se traduce nun panorama social diverso e moi complexo.
Por un lado, na cúspide social continúa o chamado “bloque de poder”: a oligarquía rural, os grandes terratenentes, ao que agora se suma unha nova oligarquía industrial e financeira. Todos eles ennobrecidos, xa sexa por antigüidade ou ben por compra de títulos nobiliarios ou casamentos. E xunto estas oligarquías, ao seu carón, está sempre presente a Igrexa católica, dominadora da vida social, dos costumes e do ensino e a instrución.
Fronte a eles, aquel novo proletariado urbano do que falamos vai acollendo xa dende finais do século XIX unha semente republicana, anarquista ou socialista. Nestes primeiros trinta anos do século XX, todos eles comezarán a reivindicar unha maior participación nas tarefas de Estado, pedirán ampliar a base social da política do mesmo e reclamarán ser co-partícipes e co-protagonistas, actores principais dos destinos do Estado e da acción de goberno. Non queren permanecer máis tempo alleos á escena socio-política.
Pero a historia política do reinado de Alfonso XIII é tamén a historia dun fracaso: o rei vai participar en política a carón das elites de sempre e, para evitar a perda do poder político, só realizará tímidas reformas “dende arriba”, sen modificar as estruturas básicas do Estado e a súa representación.
Así, xunto os vellos problemas herdados do século XIX, é dicir, o militarismo e o clericalismo, dende 1900 aparecerán outros máis que virán a sumarse aos xa existentes:
-         A guerra de Marrocos.
-         O nacionalismo catalán.
-         A irrupción no escenario político do republicanismo radical.
-         O espallamento do movemento obreiro organizado, coa UGT (nacida en 1888) e a anarcosindicalista CNT (1910).
Cando a crise se agrave, Alfonso XIII recorrerá ao golpe de Estado para salvagardar os seus intereses. En setembro de 1923, o capitán xeneral de Catalunya, Miguel Primo de Rivera (pai do fundador de Falange, José Antonio), executa o golpe coa aquiescencia de todo o Exército, sen oposición da poboación e co respaldo do monarca. Por iso trunfa, alongando unha crise profunda que só se resolvería cun cambio de sistema. Coa caída de Primo de Rivera, en xaneiro de 1930, a hostilidade contra a monarquía é absoluta.
O 12 de abril de 1931, unhas eleccións municipais transfórmanse nun plebiscito sobre cal debe ser o  modelo de organización do Estado. De tal xeito, que aquelas eleccións dirimirán se o futuro será monárquico ou republicano. En 41 capitais de provincia das 50 existentes, a vitoria absoluta é para as candidaturas republicanas. No amañecer do día 14, Alfonso XIII parte cara o exilio en París e en España queda oficialmente proclamada a II República.
O Goberno Provisional, moi heteroxéneo politicamente,  abordará o traballo cunha primeira cuestión sobre a mesa: convocar eleccións xerais a Cortes constituíntes (xuño 1931) para dotar ao país dunha constitución. Esta (aprobada o 9 de decembro de 1931) sinalaba que España era “unha República democrática de traballadores de toda clase”; declaraba a non confesionalidade do Estado; eliminaba o sostemento económico estatal ao clero; introducía o matrimonio civil e o divorcio; e, entre outras cuestións, prohibía o exercicio do ensino ás ordes relixiosas.
A conxunción republicano-socialista. As eleccións de xuño de 1931 outorgaron unha cómoda maioría parlamentar aos grupos republicanos e socialistas que, coligados, deron inicio ao período máis fértil, máis renovador e máis transformador da etapa republicana. Até a destitución de Azaña (setembro de 1933), os gobernos do chamado bienio progresista centraron o seu traballo lexislativo en:
- reorganización do Exército.
- distribución da propiedade agraria.
- regulamentación de salarios á clase traballadora.
- lexislación da protección laboral.
- cuestión do ensino e alfabetización.
Nunca antes se acadaron tantas conquistas sociais en tan pouco espazo de tempo e nunca antes se consolidaron tantos logros e dereitos democráticos.
Porque o certo é que a República entendeu que para consolidarse como sistema democrático era fundamental establecer a primacía do poder civil fronte ás dúas burocracias que secularmente exerceron o control absoluto do Estado: o Exército e a Igrexa católica. É dicir, había que someter o Exército ao poder civil e secularizar o Estado.
O Exército era unha institución atrasada, pouco moderna, moi dada a participar na vida política e excesivamente inflada de mandos e oficiais. Por iso a Reforma Azaña suscitou tanta animadversión.
A Igrexa católica considerou un ataque frontal o artigo 26 da Constitución republicana que declaraba os bens eclesiásticos propiedade do Estado e prohibía ás ordes relixiosas o exercicio do ensino.
Sobre a instrución e a lectura, as autoridades republicanas entenderon que o réxime non podería subsistir se non se reducía o 40% de analfabetismo existente segundo o Censo de 1930. Así, os responsábeis do Ministerio de Instrución Pública multiplicaron o número de escolas, melloraron a formación dos mestres e elevaron os seus salarios. Socializaron a lectura pública e colocaron bibliotecas abertas e con fondos bibliográficos axeitados nas escolas do rural, convertendo ao mestre tamén en bibliotecario.
Así, é lóxico entender que a República gañara tantos e variados inimigos, mais hai que subliñar que aquelas leis elaboradas polo Goberno de coalición republicano-socialista, e aprobadas no Parlamento, en modo algún eran revolucionarias. Con todo, sempre foron consideradas unha ameaza polo bloque social antes dominante e, en consecuencia, unha boa parte da sociedade organizouse para combater á República: primeiro nas urnas (accidentalismo) máis tarde coa violencia e coas armas (catastrofismo).
A dereita antirepublicana e católica agrupouse na Confederación Española de Derechas Autónomas (fundada en febreiro de 1933) e co seu líder Gil Robles foi o partido máis votado nas eleccións de novembro de 1933. O chamado bienio negro dedicouse, con Alejandro Lerroux do Partido Radical á cabeza, a desmontar toda a lexislación transformadora dos anteriores gobernos progresistas. A invitación cursada á CEDA para entrar no goberno o 4 de outubro de 1934 provocará o estoupido da Revolución de Outubro, reprimida a sangue e lume por, entre outros, o xeneral Franco. O resultado: milleiros de mortos e encarcerados.
As eleccións de febreiro do 36 levan á vitoria a coalición de esquerdas conformada no Frente Popular. Para entón, os preparativos para a sublevación de xullo estaban en marcha. Cando a Igrexa católica irrompa como un vendaval no escenario político, a suma do púlpito e a reacción fará imposíbel discernir entre relixión, orde e propiedade. Incluso a posterior represión será santificada polas autoridades eclesiásticas que cualificaron de “cruzada” e “plebiscito armado” unha guerra de exterminio nacida dun golpe de Estado que fracasou nunha boa parte do territorio.
   

1 comentario:

  1. Interantisima la intervencion en el aniversario de la segunda republica,hay k defenderla en todos los foros posibles,k no se pierda la memoria, por mas de k algunos lo intenten.Abrazos republicanos.

    ResponderEliminar